Friday 26 de April de 2024

A deseñadora viguesa Amaya Fernández volverá amosar a súa identidade co Encaixe nos vestidos de noiva


· Na novidosa sección ArtEncaixe tamén ocupará a pasarela a ONG Egueire.

A deseñadora viguesa Amaya Fernández volverá amosar a súa identidade co deseño de vestidos de noiva e a aplicación do Encaixe de Camariñas. Será a terceira participación de Fernández no evento dos bolillos, quen asegura estar “tremendamente ilusionada por volver a participar de xeito presencial, nunha Mostra especial en moitos sentidos”, alude.

Participará, como xa o fixo na edición de 2019, cos complementos elaborados por Charo López, que este ano participará na sección ArtEncaixe, nesta dupla que tan bo resultado dera a derradeira edición. “Decidimos volver á pasarela xuntas, aínda que ela o fará tamén como artesá, porque sinto que as súas composicións son a peza clave nos meus deseños”, di Fernández.

Amaya avanza que a súa colección será “algo menos tradicional que noutras edicións pero, por suposto, conservando a esencia dos vestidos de noiva aos que acostumo, e coa beleza que lle outorga o Encaixe de Camariñas”.

Por outra banda, a ONG Egueire participará na sección ArtEncaixe, entidade que naceu no 2008 como asociación de Cooperación para o Desenvolvemento en África, concretamente en Costa de Marfil, onde a ONG realiza na actualidade diferentes proxectos.